Antonio de Ron, da Misión Biolóxica de Galicia, participou no Vedra en ciencia 2017.
D. Antonio De Ron impartiu no Centro Social de Vedra unha conferencia a profesores e estudantes do Centro Público Integrado (CPI Plurilingüe de Vedra). Esta charla forma parte da programación que está a desenvolver o departamento de Educación do noso concello, no marco do programa Vedra en ciencia 2017.
Antonio de Ron é o investigador principal da Misión Biolóxica de Galicia. A Misión Biolóxica de Galicia é un centro do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) adscrito a área de Ciencias Agrarias. Está situada na provincia de Pontevedra. Ocúpase dos principais cultivos desta rexión, abarcando diversos aspectos de conservación e caracterización de recursos filoxenéticos, mellora, xenética e resistencia a estrés do millo, a vide, a xudía, o chícharo e as básicas.
Na Misión Biolóxica de Galicia crearon un banco de sementes, fan estudios básicos das legumes que migraron dende América e de como evolucionaron, dos cambios xenéticos que experimentaron en Europa para adaptarse a diferentes condicións e tamén algúns estudios sobre o valor nutritivo e culinario de variedades protexidas, como a faba de Lourenzá.
De Ron comezou, no ano 1987, a percorrer o noroeste da Península Ibérica, dende Asturias ao Norte de Portugal, recolectar sementes que se conservan na Misión Biolóxica formando unha base viva dalgúns cultivos que alimentaron a xeracións e xeracións de galegos.
Antonio de Ron, publicou o manual Grain Legumes (Leguminosas de Gran) coa editorial estadounidense Springer, un libro que recolle a situación da mellora xenética dos oito cultivos básicos de leguminosas de gran en todo o mundo. Manual que vai ser presentado o día 30 de marzo en Santiago de Compostela., na librería Couceiro (Praza de Cervantes, 6).
O profesor de investigacións do CSIC recórdanos que os legumes son unha parte moi importante da chamada dieta atlántica e que hai que potenciar o seu consumo. De Ron explica que o consumo de legumes está moi estendido nalgúns países “nos que o consumo de proteína non é moi diverso” como pode darse en Sudamérica, onde o feixón é básico na alimentación. En Europa, sen embargo, o consumo de proteínas vexetais perde espazo ante outras de orixe animal “grazas ao abaratamento do prezo do peixe e da carne”, indica. Esta tendencia invértese nos Estados Unidos onde hai un aumento de consumo de legumes que De Ron achaca a unha “maior presenza da comunidade hispana pero tamén aos beneficios que para a saúde xa que o consumo de legumes, por exemplo, evita a obesidade”.
Na actualidade, a Misión Biolóxica de Galicia conta con 14 científicos de persoal e 8 investigadores postdoctorais, ademais de persoal de administración e persoal conexo á investigación, persoal en formación e traballadores eventuais. Os medios materiais con que opera consisten nunha leira de doce hectáreas con tres edificios principais e diversas construcións de servizos. A leira pertence á Deputación Provincial de Pontevedra, cedida á Misión Biolóxica de Galicia desde 1928.
O seu financiamento provén dos orzamentos xerais do Estado, da Deputación Provincial de Pontevedra e de proxectos de investigación obtidos en convocatorias competitivas, tanto autonómicos, como nacionais e europeos.
No hay comentarios :
Publicar un comentario