RECORDATORIO: BANCO DE LIBROS 2015-2016

Lembrade que tedes ata este venres 26 para devolver os libros que recivistes do Banco de Libro da ANPA para o curso 2014-2015. Do mesmo xeito tedes ata ese mesmo día para doar os libros que consideredes e para entregar as fichas de Libros en Préstamo para solicitar os libros que queirades para este próximo curso.
Agradecemos a todos os pais e nais que estades a participar nesta edición do Banco de Libros e esperamos facelo do mellor xeito posible para que cheguen o maior número de libros para a maioría das familias.
MOITAS GRAZAS A TOD@S.

BANCO DE LIBROS 2015-2016

Nos dous últimos cursos, moitas familias beneficiáronse do préstamo gratuíto de libros de texto grazas a súa colaboración e participación no Banco de Libros posto en marcha pola ANPA “A Boca” e o CPI Plurilingüe de Vedra. 

Vistas as condicións que presenta o “Fondo Solidario” creado pola Consellería de Educación, que non chegará a todas as familias, a directiva da ANPA “A Boca” acordou, de acordo coa postura da Federación de ANPAS, continuar co mesmo sistema iniciado xa fai dous cursos, “BANCO DE LIBROS ANPA-CPI” para dar cobertura aos cursos e situacións que non cobre o Fondo Solidario da Xunta. Funcionará de forma paralela e independente deste. 

O obxectivo é a redución dos gastos para as familias e ao mesmo tempo fomentar os valores de solidariedade, consumo responsable e coidado do material. Polo que animamos a todas as familias a participar neste proxecto. 


A) DEVOLUCIÓN DOS LIBROS POLOS USUARIOS DO ACTUAL BANCO DE LIBROS

Antes do final do curso, revisarán todos os libros que lles foron prestados, comprobando o bo estado para a súa devolución, debendo ser completamente lexible (nin pintado, nin manchado), en bo estado de conservación (sen follas soltas) e íntegro (con tódalas páxinas e anexos). 

DEVOLUCIÓN: Os libros devolveranse nas propias clases metidos nunha bolsa co nome do alumno, co control do secretario do centro e un membro da ANPA, segundo a ficha de préstamo. Día de entrega: 18 de xuño (Primaria) e 19 de xuño (Secundaria)
(Os alumnos de Secundaria que necesiten algún libro para estudar durante o verán, solicitarán retrasar a entrega do mesmo ata o día 4 de setembro. O resto do lote deberá entregarse). 

A falta de entrega dos libros ou a entrega non conforme ás normas de conservación suporá o pago do valor de reposición dos libros. No caso de non facer fronte ao valor de reposición dos libros quedará excluído do programa de banco de libros


B) DOAZÓNS

- Poden doarse soamente os libros do curso que acaban de rematar, para os niveis desde 3º de Primaria a 4º de ESO. 

- Aceptaranse os libros de texto que continúen vixentes para o vindeiro curso 2015-16. A lista poderá consultarse na páxina web do centro: www.edu.xunta.es/centros/cpidevedra ou na secretaría do mesmo. 
Nota importante: Os alumnos que acaban 4º de ESO este curso e continúen estudos nos IES de Pontepedriña ou Sar se doan os seus libros no CPI de Vedra, recibirán un certificado de doazón que lles pode dar dereito a recibir libros dos Banco de Libros dos institutos de Pontepedriña e Sar. 

- Os libros doados entregaranse na clase o día 18 de xuño en Primaria e o 19 de xuño en Secundaria, por lotes completos metidos nunha bolsa, cunha lista dos mesmos (Ficha Doazón).
Tamén se poderán entregar en conserxería despois desas datas, pero sempre dentro do prazo límite do día 26 de xuño.
(Os alumnos de Secundaria que necesiten algún libro para estudar durante o verán, solicitarán retrasar a entrega do mesmo ata o día 4 de setembro. O resto do lote deberá entregarse en xuño) 


C) SOLICITUDES 

- Os alumnos solicitarán os libros do curso que van a cursar (desde 3º de Primaria a 4º de ESO). 

- Non é requisito ser doante para poder solicitar libros en préstamo, pero no caso de ter máis solicitudes que existencias, as familias doadoras terán preferencia sobre as demais. 

- Os alumnos que acaban 2º de Primaria non poden doar os seus libros (por as características dese material) pero si poden solicitar os libros de 3º de Primaria. 

- O prazo para entregar as solicitudes remata o día 26 de xuño, e despois deste día NON se aceptarán NIN doazóns NIN solicitudes de préstamo


D) PRÉSTAMOS 

- Tendo en conta as doazóns e as solicitudes entregadas, repartiranse os libros facendo unha distribución equitativa entre todas as familias doantes.

- Despois dese primeiro reparto, os libros restantes serán repartidos entre as familias non doantes

- Na primeira quincena de xullo, comunicaranse as familias, por correo, os libros que se lles emprestarán, para que poidan adquirir o resto. 

- Os libros entregaranse aos alumnos no primeiro día de clase en setembro. 


Vedra, 9 de xuño de 2015


Podedes descargar os impresos necesario para o Banco de Libros para o curso 2015-2016 debaixo destas liñas pinchando nas seguintes ligazóns:


AXUDAS E BANCOS DE LIBROS PARA O CURSO 2015-2016

Nos enlaces que tedes debaixo destas liñas podedes acceder a distinta información referente ás axudas para os libros de texto, ós Fondos Solidarios da Xunta e ós Bancos de Libros para este vindeiro curso.