GRANDE SEMINARIO O PASADO FIN DE SEMANA


Este pasado fin de semana (20-21 de febreiro) tivo lugar en Vedra o VI Seminario-Obradoiro Internacional de Avaliación de Materiais Didácticos titulado "A educación e os materiais didácticos en Finlandia: ¿Qué podemos aprender?".
O venres 20 pola tarde tivo lugar na Casa da Terceira Idade a inauguración do seminario á que asistiron Jesús Rodríguez (Profesor da USC e organizador do seminario), Juan Viaño (Reitor da USC), Carlos Martínez (Alcalde de Vedra), José Viaño (Director do CPI de Vedra) e Xavier Rodríguez (Presidente da ANPA A Boca). O curso douse por inaugurado ca presentación da charla-coloquio de Tom Wikman, profesor finlandés que compartiu as suas experiencias con todos nós. Esta primeira xornada foi todo un éxito e vímonos desbordados coa asistencia de máis de 60 persoas, as que puideron disfrutar duns pinchos ofrecidos pola ANPA despois da charla.
A segunda xornada que transcorreu na mañá e tarde do sábado no CPI de Vedra, tivo tamén unha gran afluencia cun total de 42 inscritos ós obradoiros, impartidos por grandes profesionais da educación de lugares tan dispares como Valencia, Brasil, Portugal, Argelia e Finlandia. O ambiente de traballo foi moi agradable e productivo e todos os presentes puideron disfrutar duns merecidos descansos a media mañá e media tarde cuns pinchos ofrecidos pola ANPA.
Dende a ANPA gustarianos destacar a gran labor de todos os organizadores e colaboradores e gustarianos darlles as gracias a todas e todos os asistentes ó seminario. Destacar tamén o gran ambiente de traballo e compañeirismo que se respirou eses dous días e esperamos que se volva a repetir o ano que ven.
MOITAS GRACIAS A TOD@S!!!

"Podedes ver as fotos do encontro pinchando aquí."

INVITACIÓN VI SEMINARIO-OBRADOIRO INTERNACIONAL DE AVALIACIÓN DE MATERIAIS DIDÁCTICO

¿Sabes o que é o ciberbullying? ¿Sabes se o teu fillo ou filla o está sufrindo? ¿Gustariache aprender a detectalo e a remedialo? ¿Consideras que os xoguetes e videoxogos ós que xogan teus fillos non son os idóneos? Estas inquedanzas e moitas máis son as que se van tratar no VI Seminario-Obradoiro Internacional de Avaliación de Materiais Didácticos que se celebrará este venres 20 e sábado 21 en Vedra e ó que todos os pais e nais interesados estades invitados a asistir de forma totalmente gratuita.
A sexta edición deste seminario internacional organizado entre outros pola ANPA “A Boca”, o CPI de Vedra e a Universidade de Santiago de Compostela, e no que colabora o Concello, celébrase aquí en Vedra por primeira vez. O seminario-obradoiro impartirase preferencialmente en castelán, pero tamén en galego-portugués e inglés.
Para abrir boca e as nosas mentes críticas, o venres pola tarde no Centro da Terceira Idade de Vedra teremos unha interesante conferencia do profesor Tom Wikman de Finlandia. Nesta charla compartirá todas as suas experiencias e daranos unha perspectiva dun dos mellores sistemas educativos do mundo. Unha vez rematada a mesa redonda na que poderedes facer todas as preguntas que vos xurdan, realizarase unha ruta lúdico-cultural polos furanchos da zona á que podedes asistir previo pago e inscrición esa mesma tarde antes da conferencia.
O sábado teremos uns obradoiros no CPI de Vedra que tocan temas tan interesantes como o ciberbullying, xoguetes, videoxogos, material didáctico, etc… no que aprenderedes como detectar posibles problemas e como atallalos. Poderedes realizar un obradoiro pola mañá e outro pola tarde, cos correspondentes descansos para o café para que non se faga longo.
Como xa dixemos, calquera pai ou nai que queira asistir pode facelo de forma gratuita á conferencia do venres e ós obradoiros do sábado. Debido á gratuidade desta oferta, non se vos entregará ningún certificado de asistencia. Para máis información pincha aquí.


A directiva da ANPA “A Boca” do CPI Plurilingüe de Vedra.



OS BOLECHAS LEVAN O ENTROIDO ÁS ESCOLAS


Os Bolechas ofrecen unha unidade didáctica para achegar á cativada ao entroido tradicional galego por medio dos populares personaxes da familia creada por Pepe Carreiro.
Verín, Vilaboa, Chantada ou Laza son algúns dos lugares visitados polas crianzas Bolechas para mostrar o entroido máis tradicional e as súas peculiaridades.
A unidade, elaborada coa colaboración de profesionais da pedagoxía e a educación infantil, ofrece exercicios, xogos, receitas, ditos e información que compoñen un material didáctico que quere informar a nenas e nenos dunha das tradicións máis festexadas.
Podedes descargar a unidade pinchando no seginte enlace: http://osbolechas.com/o-entroido/

PROCESO DE ADMISIÓN DE ALUMNADO

Estimados pais e nais:
Achegamos ligazón do proceso de admisión do alumnado nos Centros Escolares sostidos con fondos públicos. O prazo de solicitude de praza é do día 1 ao 20 de marzo.

http://www.edu.xunta.es/web/node/14293


PROGRAMACIÓN EN ABERTO DO LAV015


A Asociación Senunpeso Produccións ten o pracer de convidarvos á programación en aberto do LAV015, que detallamos deseguido:

Venres 6 de febreiro
20:30 h. Centro Sociocultural de Vedra (Casa da Terceira Idade)

Funes, o inventor da lúa, de Enrique Otero
Documental biográfico sobre o inventor Eugenio Funes, que tras ser unha das pezas fundamentais na carreira espacial e na conquista da lúa, rematou os seus días dramaticamente nunha caravana na súa Galicia natal.
Galicia | 2014 | 48 min | Documental
O labirinto dos soños, de Grándola Nova
Seis capítulos dunha serie de animación para TV, na que cada capítulo corresponde a unha canción. Conta as peripecias de Ventura tres pelos, un rapaz que nunca quería durmir porque non sabía soñar.
Galicia | 2001 | 12 min | Animación
Flores para unha rosa, de alumnado do CPI de Vedra
É imposible quitar da mente o que en realidade se atopa no teu corazón. Unha curtametraxe de animación realizada por alumnado do Colexio Público de Vedra.
Galicia | 10 min | Animación

Sábado 7 de febreiro
20:00 h. Centro Sociocultural de Vedra (Casa da Terceira Idade)

A viaxe dos Chévere, de Alfonso Zarauza
Un achegamento filmado ao traballo e á vida duns cómicos trillados polo asfalto. A través dunha mirada moi persoal e poética, Alfonso Zarauza narra o desterro dunha compañía de teatro expulsada da súa cidade por un político corrupto e a súa loita de resistencia desde o territorio aínda ceibe do escenario.
Durante varios meses, o cineasta e un reducido equipo acompañaron ao grupo Chévere Premio Nacional de Teatro 2014, no seu traballo diario e mentres elaboraban a Ultranoite no País dos Ananos, un musical estreado no concello de Teo que logo xirou por Galicia.
Galicia | 2014 | 55 min | Documental

Domingo 8 de febreiro
17:30 h.  Centro Sociocultural de Vedra (Casa da Terceira Idade)
Entrega de diplomas e clausura.