COMUNICADO ÓS AFECTADOS DO ACCIDENTE DE TREN

Conmocionados e fondamente apenados polo accidente de tren acontecido en Angrois, a ANPA do CPI de Vedra quere amosar con esta entrada no blog a súa solidarieade e afecto cara as familias das persoas que perderon a vida de xeito tan tráxico (nenos e mestres entre elas) e recoñecer o traballo dos veciños e veciñas, das forzas de rescate, do persoal sanitario e de cantos cidadáns prestaron a súa axuda dun ou doutro xeito.
Quédanos, agora, desexar a pronta recuperación dos feridos que permanecen hospitalizados e, nese senso, quixeramos lembrarlle aos nosos asociados e amizades que o seu sangue pode salvar vidas e continúa a ser necesario, se podedes, doade!


A ERA DA ESTUPIDEZ

Richard Heinberg, autor do libro “The party's over” (“Se acabó la fiesta. Guerra y colapso económico en el umbral del fin de la era del petróleo”, editado por Barrabés), afirma: “A civilización industrial non evoluciona, senón que consume rápidamente os requisitos físicos esenciais para a súa propia existencia. A curto prazo é insostible.”
E José Antonio Marina na súa obra “La inteligencia fracasada”, dinos: “[…] la sociedad industrial avanzada que está construyendo una economía que esquilma irreversiblemente la naturaleza, o que impone un sistema que hace incompatible la vida laboral y la vida familiar o una globalización que aumenta la brecha entre países pobres y ricos, son ejemplos de fracasos de la inteligencia compartida.”
"The age of stupid“ ("A era da estupidez") é un documental que fala diso e nos pon un espello diante que quizais non queiramos mirar. Moi ben realizado, é capaz de facernos reflexionar sobre as desastrosas consecuencias que o noso hiperconsumista estilo de vida provoca no planeta. Invitámosvos a velo porque esta ANPA ten, como sabedes, entre os seus principios fundamentais o de promover a responsabilidade medioambiental e o compromiso coa Terra dentro da súa comunidade. É moito o que hai que facer e é moito o que se pode facer para construir unha sociedade menos estúpida.


AVISO BANCO DE LIBROS

O venres da semán pasada quedou feito, definitivamente, o reparto e á asignación dos libros que en réxime de préstamo recibiredes todos aqueles que fixestes aportacións e solicitudes ao Banco de Libros. Só dúas familias, das 67 que solicitaban libros se quedarán este ano sen recibir libros en préstamo (a esas familias tamén lles será comunicada dita circunstancia).
Informámosvos, tamén, de que as cartas coas normas de préstamo e a lista de libros que recibiredes se están entregando no colexio xunto cos cheques para a compra de libros e material escolar que entrega a Consellería de Educación. Aqueles que non teñades que ir a retirar dito cheque tedes a opción de recoller a carta do banco de libros na conserxería do colexio, ou esperar a que vola entregue na casa o servizo de correos a partir do vindeiro xoves día 18.

MATERIAL COMPLEMENTARIO 2013-2014

Nestes enlaces podedes consultar o material complementario necesario para o curso que ven.


COMEDOR ESCOLAR 2013-2014


INFORMACIÓN SOBRE O BANCO DE LIBROS

A iniciativa de creación dun Banco de Libros para o curso 2013-2014, que levamos adiante en estreita colaboración co CPI de Vedra, estase desenvolvendo segundo o previsto. Neste senso, compre informar ás familias participantes que na semana do 7 ao 14 de xullo recibirán por e-mail ou por carta a lista completa e precisa dos libros que se lle entregarán a primeiros de setembro. 
Podemos anticipar, tamén, que as solicitudes dos cursos de primaria serán satisfeitas case no cento por cento, non acadándose esta excelente porcentaxe nos de secundaria a causa da súa decrecente participación. 
Gracias a todas e todos pola vosa colaboración.

AGASALLO FIN DE CURSO

Neste fin de curso agasallamos ao alumnado de primaria cun marcapáxinas feito pola ANPA e o libro recopilatorio "Na cociña con Cunqueiro", editado polo Consello da Cultura Galega, institución que tivo a xenerosidade de doárnolo. 
Agardamos que esta iniciativa, que esperamos repetir, sexa ben acollida polas familias xa que, como é sabido, esta asociación promoverá sempre, na medida das súas posibilidades, a lectura e o achegamento á cultura de toda a comunidade escolar.