XORNADAS VESTINDO O PATRIMONIO VEDRÉS

A xeografía galega está ateigada de referencias ao cultivo do liño e Vedra non é unha excepción. Os nomes tradicionais dos lugares vedreses Liñares e Liñareira así o acreditan. Estes topónimos son testemuñas dun pasado en que era común ver terreos sementados de liño.
Vedra Medra organizou as xornadas 'Vestindo o patrimonio vedrés' para dar a coñecer o cultivo do liño e o proceso de transformación desta fibra natural. E quixo facelo traballando patrimonio material e inmaterial á vez, recuperando a actividade propiamente artesanal á par da música, o baile, as cántigas e o relato oral.
Na primeira xornada, intitulada 'O fiadeiro: contar e cantar' démoslle a palabra á xente de Vedra con mesas de experiencias en que os maiores lles relataron aos rapaces os detalles da fía e da fiada. Unha exposición de útiles tradicionais, que nos cedeu para a ocasión Manuel Vilas, complementou a actividade anterior e axudounos a contextualizar os diferentes momentos e labores co liño. Puxémoslle, finalmente, son á xornada coa actuación das Pandereteiras Silandeira de San Xián de Sales.
Na segunda sesión, que levaba por título "Cal fiamos, tal andamos", recibimos a Asociación Cultural Tamparrantán de Santo André de Vea (A Estrada) que nos achegou información sobre a indumentaria e o folclore arredor do liño. Non faltou tampouco a música este día da man dos Nogueira estradenses.






























FONTE: VEDRA MEDRA

No hay comentarios :

Publicar un comentario