ANPA
“A BOCA”
C.P.I.
de Vedra
Acordo
da Asemblea da ANPA “A Boca” do CPI de Vedra
A ANPA do CPI de Vedra celebra, en
convocatoria extraordinaria, unha asemblea de pais e nais en apoio da
demanda de solucións manifestada por un grupo de familias que vían
con preocupación o tremendo esforzo que, especialmente arestora, nun
contexto de crise como o que vivimos, temos que facer para mercar os
libros de texto dos nosos fillos e fillas. En moitos cursos, para
agravar o problema, cambiáronse todos os libros de texto con
respecto ao ano pasado, o que impide gardar libros para irmáns, ou
prestármonolos entre nós, nunha mínima medida de reemprego e axuda
mutua.
Por
outro lado, a enorme diferenza entre as axudas concedidas para os
libros de texto e o custe real dos mesmos, puxo de manifesto como a
decisión da Consellería de Educación de abandonar
o sistema de préstamo supuxo, realmente, o fin da gratuidade dos
libros no ensino obrigatorio
Entendemos que a
práctica educativa e a instrución pública deben valerse de
instrumentos eficaces e asumibles para a colectividade,
e non ficar subalternos da arbitrariedade política. Esta
reivindicada economía de medios en materia educativa non ten porque
significar unha redución da calidade do ensino ou interpretarse como
un aparente desleixo, pola contra, e alén diso, somos conscientes da
nosa enorme responsabilidade educativa e por iso apostamos polo
natural estímulo das múltiples capacidades e talentos d@s nos@s
rapaces. Parece evidente que a actual e complexa dinámica social,
hiperactiva, sobre-informada e rendida sen condicións ás novas
tecnoloxías, tense precipitado neste ámbito nas súas honestas
pretensións de ofrecer grande cantidade de contidos, e tal vez por
pura inercia, descoidando tamén en materia educativa o “esencial”,
en detrimento da simplicidade necesaria que convén para a
inspiración e comodidade deses primeiros anos así como para o
estímulo e perseveranza necesarias dos anos seguintes, eses nos que
a mocidade precisa dunha firme e simple orientación de xeito que
logo cadaquén realice libremente a súa escolla vocacional, sexa
esta apenas cun sentido utilitario ou ben con outras múltiples e
diversas aspiracións.
Consonte ao antedito e preocupados
pola actual situación aprobamos a seguinte táboa reivindicativa:
1º Esixir,
por intolerable, o
remate
do monopolio das editoriais de libros de texto nos centros
educativos,
posto que entendemos que é inadmisible e innecesario o elevado custe
económico dos libros para as familias, pero tamén para a
Administración, xa que as TIC os fan prescindibles na maioría dos
casos. Neste punto, unha das propostas concretas é a de que non se
muden aleatoriamente e con vagos pretextos as edicións dos textos,
de maneira que sigan servindo os de cursos pasados, é dicir,
demandamos eficiencia no uso dos recursos.
Propoñemos, tamén, a progresiva
utilización e circulación de materiais de libre acceso existentes
na rede, e daqueles que elaboren os propios docentes e interesad@s,
co obxectivo último de poñer límites ao, ata agora, poder abusivo
das editoriais de libros de texto no ensino público.
2º Solicitar,
entrementres, que os libros utilizados ata o de agora se manteñan
nos centros
e que a comunidade educativa estableza sistemas e mecanismos de
reemprego dos mesmos considerando, entre outras, e como prioridade, a
situación económica das familias. Neste senso esiximos que se
restableza o sistema de empréstamo, suprimido polo actual goberno da
Xunta nunha decisión claramente inxustificada, inxusta, e lesiva
para os intereses das familias.
3º Finalmente,
queremos manifestar o apoio desta ANPA a todas as demandas que ven
facendo o profesorado
na defensa dos seus dereitos laborais, da súa dignidade profesional
e dun ensino público de calidade.
Parécenos
especialmente grave a precarización
producida
pola redución drástica do número de mestres e mestras, coa
conseguinte suba do rateo profesor/a-alumn@, xa de por si altísimo
no caso galego, e compartimos a preocupación do profesorado pola
mingua na calidade educativa e o aumento do fracaso escolar que
medidas coma esta, sen dúbida, carrexarán.
Acordo
aprobado por UNANIMIDADE
en
Vedra, a 21 de setembro de 2012
No hay comentarios :
Publicar un comentario