LAV016


Esta fin de semana terá lugar o Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV016) da Asociación Senunpeso que este ano vai pola súa novena edición (9ª Xornadas de Formación e Mostra Audiovisual).

Dende esta ANPA gustaríanos animar a todas as persoas interesadas a asistir á programación en aberto que ofrecen estas Xornadas. A información de dita programación pódese ver debaixo destas liñas.

ANIMÁDEVOS!!!












Venres 12 de febreiro
20:30 h. Centro Sociocultural de Vedra (Casa da Terceira Idade)
No hay más remedio, Dirixida por José E. Pintor (Pinky)
República Dominicana | 2014 | 90 min | Ficción: comedia

Ángel, Fonso e Roberto son tres anciáns con problemas que toman unha decisión equivocada: cometer un atraco a unha farmacia para conseguir o diñeiro necesario para realizar cada un o seu soño persoal. A idade, a tecnoloxía, os particulares empregados e clientes da farmacia e unha sociedade moi particular fan que os plans non sucedan como eles tiñan pensado.

O galego José Pintor (Pinky) dirixiu na República Dominicana esta comedia que se converteu na película máis vista no país caribeño e acadou un gran éxito noutros países da rexión.



Sábado 13 de febreiro
17:00 h. Centro Sociocultural de Vedra (Casa da Terceira Idade)
Maimiño e o espello máxico, dirixida por Alfonso Padrón
Cuba-Galicia | 2014 | 78 min | Animación: aventuras

Esta é a historia dun pequeno labrego que quere sacar a súa familia da pobreza. Unha praga de insectos que destrúen a colleita do campo no que vive e o encontro co Espello Máxico da Media Laranxa son os sucesos que o levarán á aventura. O Espello revélalle quen é a muller dos seus soños e anímao a ir á cidade xunto aos seus irmáns, Pablo e Pedro.

A galega Ficción Producciones e o Instituto de Cine Cubano coproducen esta película que gañou en 2014 o premio á mellor longametraxe de animación no Festival de La Habana e que agora é candidadata ao Goya na mesma categoría.



20:00 h. Centro Sociocultural de Vedra (Casa da Terceira Idade)
Fíos fóra, dirixida por Illa Bufarda
Galicia | 2015 | 90 min | Documental

Por moi finos que sexan, detrás de tódolos fíos que nos rodean hai historias. As mulleres galegas que traballaron no sector téxtil dende os 60 foron a man de obra perfecta e cautiva para erguer unha industria xigante que agora se atopa deslocalizada. Este documental fai un nobelo do sector téxtil aquí e fóra, antes e agora. A historia repítese nos fíos doutros lugares, nos nós deste sistema.

Illa Bufarda escribe, produce e dirixe este documental con produción executiva de Amarante, que se introduce na historia das obreiras galegas do téxtil, entre costuras e patróns.



Domingo 14 de febreiro
17:30 h. Centro Sociocultural de Vedra (Casa da Terceira Idade)
Entrega de diplomas e clausura.


No hay comentarios :

Publicar un comentario