Este sábado e domingo por fin vé a luz o novo proxecto de Andaravía Teatro, da A. C. Papaventos; con guión e dirección de Carlos Santiago, e codirección de Pepe Penabade, nace "República de Gundián", un sainete futurista, en palabras do autor, que ofrece unha sátira política do momento actual na ficción dun futuro non moi lonxano.
Faremos 2 pases, sábado ás 9 da noite, e domingo ás 8 da tarde na Casa da 3ª Idade de Vedra; recordade que unha vez comezado o espectáculo non se pode entrar, así que quen veñades, sede puntuais, por favor. Estou moi, moi ilusionada con este proxecto, que creo ambicioso e de gran calidade: agardo que os Andaravía saibamos estar á altura deste texto.
Así que, cunha reseña do argumento, e un enlace a un Blog da República elaborado por Carlos Santiago, convidovos con todo cariño a vir ata Vedra a disfrutar deste espectáculo.
"No ano 2031, centenario da Segunda República Española, unha aldea situada nun recuncho do río Ulla desafía ao estado español cun ultimato radical: ou soberanía fiscal ou independencia.
España, unha ditadura constitucional desde a reforma administrativa do ano 23 inducida por sucesivas crises económicas, está gobernada por un único partido legal, o Partido Popular Obreiro Español (PPOE) baixo o liderado de Mario Conde Roa e o reinado borbónico de Froilán I. Xa non existen os concellos nin as autonomías, e as decimonónicas deputacións provinciais administran todo o territorio do estado.
Pero a aldea de Gundián, vítima dun conflito interprovincial non resolto entre a Deputación da Coruña e a de Pontevedra, ten os seus propios problemas. Tras anos de abandono, novos veciños e veciñas retornados das cidades tratan de sobrevivir na parroquia redimindo hortas e leiras e pagando elevados impostos por partida dobre a ambas deputacións. Con todo, carecen dos mínimos servizos sociais, pois ningunha das deputacións se sente obrigada a concederllos. Nunha asemblea no adro de Nosa Señora de Gundián os veciños e veciñas deciden pasar á acción e tras paralizar o tráfico en todos os pasos da parroquia -a ponte do Ave, a ponte vella do ferrocarril, o viaduto da Nacional 525 e a Ponte Ulla de toda a vida por onde pasa o Camiño de Santiago-, ameazan con proclamar a súa propia república veciñal independente. A crise e o espectáculo están servidos."
No hay comentarios :
Publicar un comentario