Prezado compañeiro:
Na Federación Provincial de Anpas á que pertencedes, compartimos
absolutamente as vosas demandas, que son as nosas. Tempo levamos
demandando o servizo de préstamo de libros de texto que nunca debeu
desaparecer. En moitas Anpas vímonos obrigados este curso a formar
"bancos de libros", na que as familias deixan os libros de cursos
pasados e recollen os que lles serven para o novo curso. Hai que dicir
que en xuño nada se sabía da suba do IVE e agradecer á Federación de
Libreiros (polo menos na Coruña cidade e noutras comarcas) de non
aplicar dito IVE ate o mes de outubro. Se mirades na web da Federación
veredes isto reflectido.
Asemade, esta nova xunta directiva da Federación comparte as demandas
do profesorado: somos conscientes de que a súa situación laboral
repercute enormemente na calidade do ensino e no tempo das titorías
-tan importantes para nós como nais e pais- . A nosa solidariedade con
eles está baseada en considerarnos todos
parte da comunidade educativa. Na manifestación que seguíu á xornada de
folga de nais e pais do ensino público o día 18 de outubro, estaba
presente parte do profesorado.
Coa finalidade de dar a maior repercusión ás demandas da túa Anpa
que, reitero, son as nosas, vou ler -co teu permiso- a vosa carta na
vindeira xuntanza da ALIANZA SOCIAL GALEGA, recentemente constituída, e
da que forman parte xunto con outras cáseque sesenta organizacións
CONFAPA-GALICIA e a meirande parte dos sindicatos aos que vos
dirixides. (Podes consultar en internet).
Moitas grazas polo voso labor e estade certos de que tedes o noso
apoio incondicional. Confiemos en que a unión de todas as Anpas faga
posible un cambio na política educativa: niso estamos empecinados.
Recibe unha aperta fraternal extensiva a todos os membros da Anpa A Boca.
Helena Gómez Vecino.
Presidenta da Federación Provincial de Centros Públicos de A Coruña.
Presidenta de CONFAPA-GALICIA.
No hay comentarios :
Publicar un comentario