ESCOLA DE FAMILIAS



Nova charla do ciclo Escola de Familias organizado polo Concello de Vedra. Desta vez tratarase o tema "Adolescencia e Relacións Familiares".
Terá lugar na Biblioteca Municipal este xoves 21 de xaneiro de 20:00 a 21:30 horas.

CHARLA-COLOQUÍO DA E.D. VAL DO ULLA




A Escola Deportiva Val do Ulla en colaboración co CPI Plurilingüe de Vedra organiza unha charla-coloquio de grande interese para toda a comunidade educativa e en especial para nais e pais. Os temas a tratar en dita charla son: "Prevención do consumo de drogas no ámbito familiar" e "Adicción ás novas tecnoloxías", dous dos problemas que máis preocupan á comunidade educativa hoxe en día.

Dende a ANPA a Bóca gustaríanos apoiar este tipo de iniciativas e invitar a todas as persoas que estean interesadas a asistir a este tipo de eventos.

ANIMÁDEVOS!!!






VII SEMINARIO-OBRADOIRO INTERNACIONAL DE AVALIACIÓN DE MATERIAIS DIDÁCTICOS

Por segundo ano consecutivo a USC confiou no CPI de Vedra e na ANPA A Bóca para celebrar o "VII Seminario-Obradoiro Internacional de Avaliación de Materiais Didácticos" titulado nesta edición "Rede e Tecnoloxía: Desafíos Educativos en Comunidade".

O seminario terá lugar no CPI de Vedra o fin de semana do 19 e 20 de febreiro deste ano e está enfocado a todas as persoas integrantes da comunidade educativa (profesorado, nais, pais, estudantes...). Aínda que está denominado como internacional impartiranse charlas e obradoiros en castelán e galego.

Debaixo destas liñas tedes toda a información que necesitades para formalizar a matricula e os horarios e temas dos obradoiros:






FALECE XOSÉ NEIRA VILAS

Dende a ANPA A Bóca gustaríanos transmitir o noso máis sentido pesar á familia e amigos de Xosé Neira Vilas que nos deixou hoxe pola mañá. Unha das figuras máis importantes da cultura e a literatura galegas, autor entre outras obras, de Memorias dun neno labrego.
DEP.


DÍA DO MESTRE

Hoxe celébrase o Dia do Mestre e dende a ANPA A Bóca do CPI de Vedra gustaríanos felicitar a todas as mestras e todos os mestres que continuamente traballades arreo para e polos nosos fillos e fillas.
Moitas grazas polo voso compromiso.



DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

NOTA DE PRENSA CONFAPA-GALICIA 23/11/2015

O 25 de novembro de 2015, ás 20/20:30 horas, o Movemento Feminista Galego convoca concentracións e manifestacións nas principais cidades de Galicia* con motivo do “DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO” para esixir que a loita contra a violencia machista sexa unha Cuestión de Estado.
A Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos, (CONFAPA-GALICIA), como colectivo que representa ás familias da escola pública galega e defende a igualdade e o respecto aos dereitos e liberdades fundamentais de toda a cidadanía así como os valores de solidariedade e tolerancia, adhírese a esta movilización cívica e xunto ás súas organizadoras invita a toda a sociedade civil a que se sume á mesma xa que a erradicación da violencia machista e a violencia cara ás mulleres é unha cuestión que involucra a toda a sociedade.

23 de novembro de 2015

Área de Comunicación e Publicacións
XUNTA DIRECTIVA.


*Manifestacións:
  • COMPOSTELA, 20:30 h: desde a Praza 8 de Marzo.
  • VIGO, 20:00 h: desde a Farola de Urzáiz.

*Concentracións:
  • A CORUÑA, 20:00 h: Obelisco.
  • NARÓN, 20:00 h: Praza da Gándara.
  • OURENSE, 20:30 h: Praza do Ferro.
  • PONTEVEDRA, 20:00 h: Praza da Peregrina.



NOVA CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA ADQUISICIÓN DE MATERIAL ESCOLAR

A Xunta volve a convocar axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2015/16, que non puidese acollerse ás axudas reguladas pola Orde do 25 de agosto de 2015, e a aquel que, tendo solicitada a dita axuda, resultase excluído por unha causa emendable.

Prazo de solicitude: 11/11/2015-24/11/2015

ENLACES:
ORDE do 6 de novembro de 2015 (DOG)